BIOGRAFÍA RESUMIDA

Fotografía do mural en graffiti realizado polo artista ORDE KAOS

Florencio Manuel Delgado Gurriarán (1903 -1987)

 

Florencio M. Delgado Gurriarán naceu entre retortas cepeiras e vellos castiñeiros  en Córgomo, unha aldea do concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras, o 27 de agosto de 1903. Foi o máis novo de seis irmáns. Un deles tamén se chamaba Florencio, mais morreu ao pouco de nacer, e o noso poeta,  como era costume na época, herdou o seu nome.

Aos seis anos marchou a Ourense e, aos dez, a Palencia; traslados forzosos, motivados polo traballo do seu pai, enxeñeiro agrónomo. Nesta última cidade empezou o bacharelato que rematou en Valladolid, a onde se volvera mudar a familia. Alí cursa a carreira de Dereito, que remata en 1924. 

Os veráns pasábaos en Valdeorras e iso permitiulle manter as súas raíces e a súa lingua, descubrir a obra de Rosalía de Castro e Curros Enríquez na biblioteca da súa casa e seguir sendo tamén un rapaz de aldea.

En 1928 regresa a Galicia. Traballa como pasante no bufete do avogado Segundo Trincado do Barco de Valdeorras e prepara a oposición para rexistrador da propiedade.

Florencio intégrase plenamente na vida da comarca. Participa nas comisións das festas patronais, xoga ao fútbol e organiza actividades culturais. Gustáballe a música e posuía unha voz que destacaba en todas as esmorgas e romarías da mocidade de Córgomo, e iso que este lugar sempre gozou dunha merecida fama de bos cantantes.

Aínda que xa empezara a escribir de cativo, foi nesta época cando comezou a publicar os primeiros versos nas revistas Heraldo de Galicia e A Nosa Terra. Desde entón nunca abandonou o hábito de asinar a miúdo con pseudónimos como Corgomófilo, Porto do Río ou Nadel.

En 1934, publicou o seu primeiro libro, Bebedeira, na editorial Nós. O obra, na liña de Amado Carballo, contén poesías que loan o viño, os montes, a fauna e a flora de Valdeorras. A crítica acolleuno ben.

O seu compromiso e o seu amor por Galicia levárono ao mundo da política. Foi membro das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. Relaciónase con Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda e Castelao e con eles asiste a mitins e participa na campaña a prol do Estatuto de autonomía.

En 1936, coa chegada da Guerra Civil, tivo agocharse uns días en Zamora e Valladolid. Logo fuxiu a Portugal e, desde alí, a Francia. Dous anos despois viaxa a Barcelona onde publica poemas de loita e de denuncia do franquismo e axúdalles a pasar a Portugal aos guerrilleiros agochados nos montes galegos.

En 1939, xa na fin da guerra, volve a Francia e organiza a marcha dos refuxiados a América Latina. En xuño, con case un milleiro de persoas máis, saíu no buque Ipanema con destino a México, onde traballou de vendedor de fertilizantes, zapatos e aceites e despois na farmacéutica Queralt Mir, casou con Celia, coa que tivo cinco fillos, e viviu o resto da súa vida.

No país de acollida participou activamente na vida cultural dos exiliados. Editou, con outros galegos entusiastas, a revista Saudade, que inclúe varios textos seus e colaborou no Cancioneiro da loita galega, publicado na capital azteca en 1943, no que aparece unha serie de poemas seus, asinados co pseudónimo de Nadel.

Xa a finais dos anos cincuenta aparece a revista Vieiros, que fundou con outros tres galeguistas e que foi a máis importante do exilio galego en México. Tamén traduciu ao galego unha serie de poemas de autores franceses, coa que gañou un premio e que se publicaron no libro colectivo Poesía inglesa e francesa vertida ao galego en 1949.

No ano 1963, saíu do prelo Galicia Infinda, con 43 poemas que abranguen máis de 20 anos de traballo. É un libro no que mestura composicións de temas moi diversos, entre elas varias de temática mexicana, realmente singulares.

En 1968, despois de máis de 30 anos, regresou a Valdeorras. Aínda volveu visitar a súa terra dúas veces máis: en 1976 e, por último, en 1981. Nesta ocasión nomeárono socio de honra do Instituto de Estudos Valdeorreses e membro correspondente da Real Academia Galega entre outros recoñecementos. Neste mesmo ano tamén apareceu Cantarenas, unha antoloxía que recolle poesías xa editadas en Bebedeira e Galicia infinda, xunto con outras máis recentes dedicadas ao viño.

En 1986, publicou O soño do guieiro, un poemario con moitas composicións de corte político, moi críticas coa ditadura de Franco.

O día 14 de maio de 1987, aos 84 anos, morreu en California, cando visitaba unha das súas fillas. As súas cinzas foron trasladadas ao seu Córgomo querido, onde sempre quixo volver; alí repousan, no cemiterio parroquial.

 

 “Terra a nosa!”

“Galego sempre”